Os alumnos do IES Pobra retratan o pasado mariñeiro da vila a través da ‘Marea Fotográfica’

A POBRA> Xa se pode visitar no museo Valle-Inclán da Pobra a exposición ‘Marea fotográfica, elaborada polos alumnos do IES da Pobra. Trátase dunha mostra composta por medio cento de fotografías que percorre a historia mariñeira da vila.

O que comezou como un proxecto fotográfico coordinado polas profesoras Elisa Costas e Marga Saborido cos alumnos de 4º da ESO do IES Pobra culminou con esta completa e fermosa mostra fotográfica que xa está a disposición de tódolos visitantes do museo Valle-Inclán.

A implicación dos estudantes, con Lucas e Carlos á cabeza, que dedicaron horas e horas a mergullarse no pasado mariñeiro da vila deu como froito un completo percorrido visual do patrimonio marítimo da Pobra.

Pesca e marisqueo, industria, gastronomía ou historia mestúranse nesta interesante mostra coa que aprenderán a ver a historia da Pobra con outros ollos. A mostra, integrada por 49 instantáneas, poderá visitarse no museo pobrense ata o mes de setembro.