VILAGARCÍA> Aplaudímoslles todos os días ás 8 da tarde e, sen dúbida, son os que están na primeira liña da loita contra o coronavirus. Falamos dos profesionais da sanidade que durante a pandemia traballan sen descanso. Dende o Hospital do Salnés, a enfermeira de urxencias Conchín Abellás quere mandar unha mensaxe de tranquilidade: a situación está controlada e con recursos suficientes para afrontar o incremento da presión asistencial que se agarda este mes.
5.435. Esta é a cifra de casos activos de coronavirus que se rexistra hoxe en Galicia. Deles, 466 están na área sanitaria Pontevedra Salnés. Aquí por segundo día consecutivo baixou a cifra de hospitalizados, con 96 persoas ingresadas, pero xa o advertía a semana pasada o presidente da Xunta: abril vai ser o mes con maior presión asistencial.
Conchín Abellás é enfermeira no servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, no que hai oito pacientes con coronavirus ingresados. A día de hoxe, asegura que o persoal do centro non está a sufrir a escaseza de medios de protección que si denuncian noutras zonas.
No que si coincide con outros centros hospitalarios do Estado é na redución da demanda asistencial en urxencias. No Hospital do Salnés diminuíu ata case a terceira parte do que era habitual.
Os profesionais sanitarios son os que están na primeira liña da loita contra a pandemia. Millóns de persoas saen a diario ás súas fiestras para agradecerlles o seu labor. As emocións están a flor de pel, por iso Conchín Abellás insiste na importancia da información.
Ademais, Abellás felicitou á cidadanía polo cumprimento das medidas de confinamento, e pediu que se sigan respectando para avanzar na loita contra a pandemia.
A enfermaría leva o peso da parte emocional da pandemia
Sabemos que o coronavirus golpea con dureza á poboación máis vulnerable, como os anciáns. Ademais, as persoas contaxiadas teñen que estar nun illamento estricto, e o persoal dos centros hospitalarios pasa a ser a única compañía que teñen mentres dura a súa loita contra a enfermidade. Unha función que desempeña de xeito especial a Enfermaría. Conchín Abellás fai fincapé na importancia de coidar a parte emocional nesta pandemia. Máis aínda cando a Organización Mundial da Saúde declarou o 2020 o Ano Internacional da Enfermaría.