VILAGARCÍA> Un dos tríos máis queridos da actualidade despediuse onte do seu paso pola televisión. Despois de 400 programas, os Mozos de Arousa abandonaron onte o programa Reacción en cadena. Raúl Santamaría, Borjamina e Bruno Vila caeron ante ‘Los Alhambraos’. Marchan, iso si, despois de gañar 2,6 millóns de euros de premio e convertidos en profetas na súa terra. O concello de Vilagarcía xa anunciou que darán as badaladas de fin de ano no municipio, na tradicional convocatoria das 12 do mediodía.
Raúl Santamaría, Borjamina e Bruno Vila despedíronse onte da audiencia que os acompañou no último ano e medio. Os Mozos de Arousa pecharon o seu paso polo programa ‘Reacción en Cadena’ tras perder ante os granadinos ‘Los Alhambraos’.
Despois de 400 programas, os membros do trío arousán convertéronse nunhas das caras máis populares e reclamadas do panorama actual. Unha fama coa que abriron novas portas e que se suma aos 2,6 millóns de euros gañados durante o seu paso polo concurso.
Do seu paso por Reacción en Cadena quedan cos bos momentos. Aínda que lamentan a polémica xerada nos últimos días pola exclusión dos Mozos de Arousa das badaladas de Fin de Ano de Telecinco.
Non darán as badaladas en Mediaset pero si o farán para os seus veciños. Os Mozos de Arousa serán os encargados de dirixir a tradicional festa de Fin de Ano adiantado de Vilagarcía, coas badaladas ás 12 do mediodía. Deste xeito, o concello quere recoñecer o seu labor de difusión da cidade en toda España.