O Salnés acada o seu teito turístico en agosto e a Mancomunidade céntrase na desestacionalización

O SALNÉS> O Salnés volve celebrar un novo récord en materia turística. A Mancomunidade fixo públicos hoxe os datos do mes de agosto que confirman o éxito do destino: recibiu 815.000 visitantes, dos que máis de 430.000 pernoctaron nalgún dos concellos. Con estas cifras sobre a mesa, o ente comarcal cre que o turismo non pode medrar máis no verán, por iso concentrarán gran parte dos seus esforzos na desestacionalización.

O Salnés roldou o 100% de ocupación turística durante o mes de agosto. A comarca recibiu 815.000 visitantes, dos que máis de 430.000 quedaron tamén a durmir nalgún dos concellos. Un novo record.

Estes 430.000 turistas que se achegaron ao Salnés realizaron máis dun millón 720 mil pernoctacións, cunha media de catro noites na comarca. O que supón un 20% máis que hai un ano. Por concellos, Sanxenxo e O Grove seguen a ser os motores pero destaca o crecemento doutros municipios, especialmente o da Illa de Arousa.

Con estes datos sobre a mesa, a Mancomunidade cre que O Salnés xa acadou o seu teito durante o verán. Por iso os esforzos céntranse agora na desestacionalización do turismo, apostando por propostas como o golf, o cicloturismo ou o Camiño de Santiago.

A Mancomunidade destacou tamén a consolidación do turismo nacional, que rolda o 93%, e de Portugal, como principal emisor de turistas estranxeiros. Ao igual que en xullo, destaca a chegada de visitantes dende o Reino Unido.