Máis dun cento de taxistas paran en Pontevedra para protestar pola suba ‘abusiva’ dos seguros

PONTEVEDRA> Mobilización do sector do taxi da provincia de Pontevedra contra a suba dos seguros. Máis dun cento de vehículos secundaron a convocatoria do paro realizada a nivel estatal. Na capital pontevedresa concentráronse na praza de España entre as 11 e a 1 da mañá para denunciar un incremento das pólizas que consideran abusivo e que pon en perigo, din, a viabilidade da súa actividade. Sobre todo para os que traballan en zonas rurais.

Máis dun cento de taxistas de toda a provincia de Pontevedra concentráronse esta mañá na Praza de España da capital pontevedresa. O motivo: protestar polo incremento das pólizas dos seguros que, afirman, pon en risco a viabilidade da súa actividade.

O paro desenvolveuse entre as 11 da mañá e a 1 do mediodía, secundando unha convocatoria a nivel estatal. O sector reclama ao Goberno do Estado que interveña para limitar estes incrementos.

Todos sofren este incremento pero preocupa especialmente aos taxistas que traballan en zonas rurais e pequenos concellos. Aquí aínda é máis complicado facer que a actividade sexa rendible.

Ademais, reclaman que se modifique o sistema de acceso ao Consorcio de Compensación de Seguros. Piden que beneficie tamén a quen non poda pagar a renovación das súas pólizas.