Unha familia de Ribadumia recibe o primeiro ordenador do proxecto ‘Dixitalízate con nós’

RIBADUMIA> A crise do coronavirus e a necesidade de conectarnos dende a casa para traballar ou estudar puxo sobre a mesa unha evidencia: moitas familias carecen dos recursos necesarios básicos, como un ordenador ou conexión a internet. A Fundación Amigos de Galicia vén de crear un programa para dar resposta a esta situación. Esta mañá, entregaron o primeiro paquete de material informático a unha familia sen recursos de Ribadumia con dous menores a cargo.

‘Dixitalízate con nós’ é o nome do programa impulsado pola Fundación Amigos de Galicia para dar resposta ao apagón tecnolóxico no que se atopan moitas familias con menores en idade escolarizada e poucos recursos. A chegada do coronavirus agravou a súa situación, co impulso da educación online.

Esta mañá, unha familia de Ribadumia con dous menores a cargo de 10 e 13 anos recibiron o primeiro paquete deste programa. Está composto por un ordenador e un router con conexión a internet. Foi a propia familia a que se puxo en contacto co Concello.

O alcalde indica que, coa chegada da covid, moitos veciños están a preguntar por liñas de axuda ou iniciativas como a de Amigos de Galicia para dar resposta á falta de recursos informáticos. Outra eiva que tamén salienta o rexedor e a mala calidade da internet nas zonas rurais. Pide ás administracións e compañías que aceleren o proceso de expansión da fibra.

Dende a posta en marcha do ‘Dixitalízate con nós’, hai agora un mes, a Fundación Amigos de Galicia recibiu xa máis de 70 solicitudes. O programa conta co apoio económico da Xunta e tamén dalgúns concellos, como é o caso de Ribadumia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí