
VILAGARCIA>
O novo goberno de Vilagarcía reducirá para o ano o Imposto de Bens Inmobles. É unha das medidas que o executivo de Alberto Varela tomou nesta primeira semana de mandato. Baixará do 0.60 actual ó 0.58 e así cada ano ata chegar ó 0.54 por cento. O luns tamén aprobarán en xunta de goberno prohibir a celebración de espectáculos con animais e circos na cidade, e hoxe mesmo avisaron á empresa que realiza as obras da praza de España que a actuación deberá estar acabada en xullo e non poderán cortar máis árbores.
Remata unha semana de traballo ‘moi intenso’, en palabras do novo alcalde de Vilagarcía. Alberto Varela dedicou estes cinco días a medidas de urxencia e empezar a tomar contacto cos xefes dos distintos servizos municipais. Formado o goberno local, o próximo luns terán a primeira xunta na que se dará luz verde a algunhas das promesas anunciadas en campaña. Prohibiranse os circos ou espectáculos que inclúan animais. Tamén está en marcha a redución progresiva do IBI. Para o ano os vilagarciáns verán baixar a taxa do 0.60 ó 0. 58.
A baixada aprobarase a final de ano, co que o novo valor entrará en vigor no 2016. Segundo Varela, as baixadas continuarán en seguintes anualidades, ata quedar nun 0.54 no 2018. Logo avaliarase a progresión. O alcalde repasou outras medidas tomadas nesta primeira semana de mandato, como a solicitude á consellería de Educación de que se manteñan operativos no verán os comedores escolares. Tamén desde a concellería de Urbanismo se puxeron en contacto coa empresa encargada das Obras da praza de España.
Para a semana Varela ten previsto reunirse tamén cos grupos da oposición coa fin de acordar a data na que se celebre o pleno de organización da corporación, que agarda sexa antes de final de mes.
Varela aproveitou esta comparecencia para aclarar unha polémica que aflorou nestes días sobre o soldo que cobraría como alcalde. O rexedor explicou que se puxo en contacto co departamento de persoal para coñecer a súa retribución, e que esta será de 2.500 euros netos ó mes, 600 máis dos que cobraba como asesor xurídico do concello. Un salario que cualificou de ‘razoada e axustada’ á súa nova responsabilidade.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/19/varelaibi.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/19/BALANCE_SEMANA_VARELA.mp4{/flowplayer}








