Conclúe, sen éxito, unha nova xornada de busca dos mozos desaparecidos en Portosín

PORTO DO SON> Nova xornada de busca na ría de Muros-Noia onde continúan desaparecidos dende o luns os dous mozos que saíron en kaiak. Polo momento, o esforzo dos numerosos medios despregados na zona non obtivo resultados.

Medios aéreos, marítimos e terrestres volveron rastrexar palmo a palmo o litoral sonense entre Aguieira e Río Sieira na busca de Xabier Hurtado e Miguel Quan desaparecidos dende o luns. Nesta xornada sumáronse ó dispositivo máis efectivos que dende primeira hora da mañá buscan sen descanso ós dous mozos. Por mar, varios buques de Salvamento e da Garda Civil, apoiados por numerosos pesqueiros da zona que se quixeron sumar ó dispositivo. Tamén volveron realizar inmersións os mergulladores de Salvamento e do Grupo especial de Actividades Subacuáticas. Por aire, o Helimer 411 e 211 inspeccionaron a zona apoiados polo avión de Sasemar mentres que en terra efectivos dos corpos de seguridade percorreron a costa; ata o momento sen resultados.

Mentres tanto, a terceira tripulante da embarcación que puido ser rescatada recupérase das lesións no hospital Clínico de Santiago. Segundo o relato da moza, trataban de chegar á illa da Creba cando perderon un remo da canoa e ó tirarse o mar para recuperalo a embarcación envorcou. Xa non puideron volteala e a corrente arrastrou ós tres mozos: Soraya conseguiu chegar a unha zona rochosa próxima á praia de Caveiro onde foi localizada horas despois do accidente.

Tras dúas xornadas de busca, as esperanzas comezan a esvaecerse entre os familiares que contan cun servizo de apoio psicolóxico da Cruz Vermella para afrontar estes duros momentos. De igual modo, o concello de Noia de onde son naturais os desaparecidos, cancelou numerosos actos previstos neste días en sinal de dó. Tamén algúns partidos políticos como o BNG suspenderon os actos de campaña como mostra de respecto ás familias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí