Un veciño de Meis, gañador do Campionato Nacional de Colocación de Cerámicas celebrado en Meaño

MEAÑO> Meaño acolleu este venres un concurso ben curioso. Trátase do Campionato Nacional de Colocación de Cerámicas, que se celebrou nas instalacións de Prefabricados Dena. Nove aspirantes chegados de toda Galicia puxéronse a proba para demostrar quen é o que mellor sabe poñer azulexos. Técnica, experiencia e, sobre todo, paixón polo oficio son as claves coas que os concursantes se presentaron a esta cita. O gañador foi un veciño de Meis, que asistirá a comezos de 2027 á gran final na que se coroará ao mellor profesional de España.

As instalacións de prefabricados Dena, en Meaño, foron este venres o escenario dun concurso ben particular: o Campionato Nacional de Colocación de Cerámicas. Unha iniciativa, que chega á súa segunda edición, impulsada pola revista ‘Tu Reforma’ que busca reivindicar a importancia dos materiais de calidade e dos profesionais que constrúen fogar.

Foron nove os aspirantes que durante practicamente toda a mañá tentaron demostrar as súas habilidades á hora de instalar cerámica.

Un concurso que chegou ao Salnés grazas a Prefabricados Dena. Na empresa consideran o evento un éxito. De aquí sairá o concursante que nos representará na gran final, poñendo á comarca e a Galicia no mapa dos grandes profesionais do sector.

Esa gran final vai ter lugar a comezos de 2027. Para chegar a ela os aspirantes dos nove concursos que se están a celebrar por todo o territorio español, deben ter en conta non só o talento á hora de colocar as pezas.

Unha das principais dificultades da proba está, pois, nestes grandes formatos de cerámica, unha novidade que ofrece grandes resultados, pero que require de grandes destrezas á hora de instalar. Un xurado profesional encargouse de ter o ollo posto enriba de todos os aspirantes durante toda a xornada. Un dos membros é un instagramer especializado no sector.

Coméntanos que a xornada arrancou con moitos nervios entre os concursantes. Explícanos que a clave é o resultado final, pero tamén a curiosidade á hora de traballar.

O campionato deste venres foi o colofón a unhas xornadas que xa arrancaban este xoves, cunha parte teórica.

Logo dunha longa deliberación por parte do xurado, o premio quedou no Salnés: Alberto Paz, veciño de San Martiño de Meis, alzouse coa vitoria. Desexámoslle moita sorte na gran final.