Educación destina cincuenta mil euros a melloras nos colexios da comarca noiesa

LOUSAME> A Xunta de Galicia, a través da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, está a desenvolver diferentes obras de mellora en varios colexios da comarca de Noia cun investimento que se achega ós 55 mil euros. Un dos centros educativos nos que se está a actuar é o CPI Cernadas de Castro, no concello de Lousame, onde se está a reformar a cuberta do comedor para evitar filtracións e os canalóns do pavillón. Outros dos colexios nos que se están a acometer melloras son os CEIP Felipe de Castro de Noia e Santa Irene de Porto do Son. No primeiro dos casos os traballos que se están a levar a cabo consisten na reforma da fachada do edificio, mentres que en Porto do Son estase procedendo á reposición das canalizacións e baixantes defectuosas.