A continuidade da Escola de Gaitas podería depender do voto do socialista Javier Dios

    VILANOVA>

     

    O deputado pontevedrés de cultura, Xosé Leal, declarou nas últimas horas que a Deputación non foi a responsable de pechar a Escola de Gaitas. Di Leal que o organismo provincial só lle pechou o financiamento, pero a decisión de continuar ou buscar novas vías para custearse é da Asociación Cultural de Bandas de Gaitas, entidade responsable. As declaracións sentaron e moi mal en Vilanova. O alcalde pídelle ó deputado que non os tome por parvos e lanza tamén unha indirecta ó deputado socialista por Vilanova. Del depende, di Gonzalo Durán, que a Escola continúe aberta.

     

     

    Para o alcalde de Vilanova o que está a facer a Deputación de Pontevedra coa Escola de Gaitas rolda xa a burla. Despois de notificar ós responsables que non ía renovar o convenio de colaboración, é dicir, que lle retiraban a subvención coa que viña funcionando, agora o deputado de Cultura Xosé Leal asegura que o organismo provincial non pecha a Escola porque esta depende da Asociación Cultural de Banda de Gaitas.

     

    Vilanova contaba cun dos centros da Escola de Gaitas. Ante o peche, xa valoraron a posibilidade de impartir esta materia na Escola de Música Municipal. Pero aínda habería unha esperanza para que a de Gaitas se manteña aberta. E esta dependería, segundo Gonzalo Durán, do que vote o deputado socialista Javier Dios, voceiro tamén do PSdG en Vilanova. O PP provincial vai levar, a instancias da Asociación Cultural de Bandas de Gaitas, unha moción ó pleno da Deputación para que se continúe a subvencionar o servizo.

     

    Polo momento o luns, o colectivo acudirá ó pleno de Vilanova para solicitar o apoio da corporación.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/25/ESCOLA_GAITAS.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/09setembro/25/ESCOLA_GAITAS.mp4{/flowplayer}