O BNG levará de novo ao Parlamento Galego a situación do encoro de Caldas

CALDAS> De novo, o encoro de Caldas no punto de mira. Desta volta é o BNG o que denuncia que ó habitual problema das cianobacterias hai que engadi-la falta de uso da depuradora de Paradivas. Os nacionalistas indican que hai dous anos que non funciona, a pesar de que a Xunta prometeu hai xa tempo a súa inmediata posta a punto.

A esta imaxe, que se repite tódolos veráns neste encoro da Baxe, en Caldas, hai que sumar agora estoutra: esta é a depuradora de Paradivas, unha pequena estación de decantación que, segundo o BNG, hai 2 anos que non funciona. Os nacionalistas denuncian que a Xunta se comprometeu o ano pasado a poñer a punto esta infraestrutura pero que, polo momento, non se fixo nada para que volva prestar servizo.

Os nacionalistas entenden que o estado do encoro non deriva de fallos neste tipo de estacións depuradoras, senón que a infraestrutura ten outros problemas.

O BNG anunciou que levarán de novos a situación do encoro da Baxe ó Parlamento de Galicia. Esta mañá, o deputado Luis Bará visitou a zona para denuncia-lo estado no que se atopa a auga un verán máis. Os nacionalistas piden que se actúe axiña, depurando as augas que se verten ó encoro e se implante un tratamento augas abaixo  e un seguemento frecuente do estado do río. Reclaman tamén  un estudo rigoroso para desmantela-lo encoro e poñer, así, solución ós seus problemas.