Os afectados polo corredor Brión-Noia cobrarán as indemnizacións a próxima semana

    NOIA> A Xunta aboará douscentos cincuenta mil euros ós propietarios afectados pola construción do corredor Brión Noia. O Boletín Oficial da Provincia publica este mércores a convocatoria para o cobro das indemnizacións. No concello de Noia, con centro vinte e tres fincas afectadas, efectuarase o pago o vindeiro xoves día doce, en horario de nove e media a once e media da mañá. Os vinte e nove propietarios afectados do concello de Lousame deberán acudir á casa consistorial o venres día trece, entre as nove e media e as dez e cuarto. A listaxe dos propietarios pode consultarse nos respectivos concellos. Queda pendente o pago de arredor de corenta mil euros ós titulares de terreos de Rois que serán convocados proximamente.