Trescentos noieses benefícianse das axudas escolares

    NOIA> Preto de trescentos veciños de Noia beneficiaranse das axudas para material e comedor escolar convocadas polo concello. A administración local destina preto de corenta mil euros a estas liñas de subvencións co obxectivo de axudas ás familias a afrontar os custos derivados do comezo do curso escolar. En total, ascenden a catorce mil euros as axudas para a adquisición de material escolar para douscentos trinta e dous beneficiarios. No caso do comedor, son sesenta rapaces os que terán dereito a estas subvencións cun importe de dous mil setecentos euros ó mes. O obxectivo do executivo local é incrementar esta liña de subvencións de cara ó próximo curso e realizar a convocatoria con máis antelación para que chegue a todos aqueles posibles beneficiarios. Na actualidade, estase a comunicar ós solicitantes o resultado da súa solicitude que nun noventa e nove por cento dos casos foi aceptada. No caso daqueles que non foron admitidas por non cumprir cos requisitos da convocatoria, aínda están a tempo de recorrer.