O Grove exalta a centola coa complicidade dos albariños Rías Baixas

O GROVE> Dous dos productos máis importantes da gastronomía das Rías Baixas demostran que se levan á perfección. O Obradoiro de Hostalería da Lanzada acolleu este mediodía unha cata maridaxe con Centola do Grove e albariños da Denominación de Orixe Rías Baixas. A actividade incluíuse no marco das xornadas da centola organizadas por Emgrobes, que na ponte de decembro entran na súa fase máis importante.

Que a centola é o marisco rei é algo que moi poucos se atreven a cuestionar. Máis aínda se estamos no concello do Grove. Dende hai 19 anos a vila réndelle a súa merecida homenaxe a través das Xornadas de Exaltación da Centola, organizadas pola asociación Emgrobes.

A iniciativa colle o relevo da Festa do Marisco e en pouco máis dunha semana, na ponte de decembro, afrontará a súa fase máis importante.

Mentres, van quecendo motores, como co showcooking que se celebrou no Obradoiro de Hostalería da Lanzada da man duns compañeiros de excepción: os albariños da Denominación de Orixe Rías Baixas.

O cociñeiro grovense Miguel Parada, do restaurante La Posada, foi o encargado de dirixir o showcooking. Preparou varios pratos en colaboración co alumnado do obradoiro coa centola como protagonista. Todo maridado cos viños de Rías Baixas nunha cata guiada polo sumiller Nacho Costoya.

As xornadas continuarán ata o vindeiro 12 de decembro. Son sete hoteis e oito restaurantes os que participan da iniciativa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí