RIDABUMIA> Hai unhas semanas saía ó mercado un novo Rías Baixas con selo de artista. E dicímolo porque o novo viño de Adegas Carballal leva a firma dun dos humoristas gráficos por excelencia do panorama galego. Gogue pon imaxe, identidade e etiqueta ó novo albariño Floreano e Punto.
Así, degustando un viño de Carballal nunha taberna do Grove, foi como empezou todo. O responsable dese local coñecía casualmente ós adegueiros artífices dese albariño que estaba degustando Gogue. E así foi como o humorista entrou en contacto con Juan Carlos Vázquez, o enólogo da adega e elaborador de Floreano e Punto.
Esta primeira colleita, do 2014, sae ó mercado en edición limitada a catro mil botellas e dúas etiquetas distintas conxugando a aposta polo tradicional que representa a recuperación da maceración, co moderno do novo viño.
Gogue recoñece que saltar ó mundo do viño foi todo un reto, sobre todo co abano de posibilidades que se abre para os seus deseños. E é que o Rías Baixas Floreano e Punto está destinado á exportación. Polo que o entrañable Floreano e a súa noiva tamén viaxarán ás mesas de todo o mundo.
Etiquetas con selo propio, corcho identificativo e caixa a xogo que converten a este albariño case nun obxecto de coleccionista. E as primeiras impresións entre os consumidores está a ser moi positivas.
Floreano e Punto pode atoparse en viñotecas de Galicia e restaurantes tanto da comunidade como de España. As primeiras partidas para o estranxeiro saíron xa cara Estados Unidos, están a piques de enviar máis a Inglaterra e moi pronto agardan seguir conquistando mercados europeos como Dinamarca.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/17/FLOREANOo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/17/ALBARINO_FLOREANO.mp4{/flowplayer}