Apagamento xeral en Aninovo en Sanxenxo e O Grove

    SANXENXO> Un comezo de ano ás escuras. Así estiveron durante toda a tarde do día 1 e boa parte da noite os veciños de Sanxenxo e O Grove, onde o apagamento foi xeneralizado debido a unha avaría rexistrada da subestación de Vilalonga. Tamén en Cambados e Meaño sufriron cortes de menor duración. Cerca de 20.000 clientes de Gas Natural Fenosa víronse afectados.

     

    Varios miles de veciños das localidades de Sanxenxo, O Grove, Cambados e Meaño volveron ás velas como única iluminación no primeiro día deste 2016. Unha avaría rexistrada na subestación eléctrica de Vilalonga deixaba sen luz a estes catro municipios nun apagamento que nalgunha zona chegou a superar as 12 horas. 

    En Meaño os cortes de luz tiveron lugar a media mañá e foi a 1 e media da tarde cando comezou a notarse en O Grove. Pasadas as catro da tarde producíanse varias explosións na planta, o que obrigou a mobilizar aos bombeiros do Salnés aínda que o lume non se estendeu. E foi a partir dese momento cando o corte afectou a totalidade da península meca e a Sanxenxo.

    O apagamento non só afectou a fogares e a restaurantes e hoteis que se encontraban completos debido ás comidas de Nadal, senón tamén ao alumeado público e aos semáforos.

    O subministro eléctrico non quedou totalmente restablecido ata as 3 e media da madrugada e a pesar diso, hoxe os veciños, lembraban con maior ou menor humor o sucedido.

    O Instituto Galego de Consumo asesorará a partir deste momento a todos aqueles afectados que queiran por unha reclamación polos posibles danos e prexuízos causados, polo que se recomenda gardar todo tipo de documentos que poidan xustificar as perdas e achegarse ata as instalacións de Pontevedra para informarse.

    Desde a Xunta avaliarase o incidente ocorrido na subestación para garantir que o protocolo de actuación foi o axeitado e coñecer como se puido ter xerado o incendio.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/04/apagon_fenosa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/04/apagon_fenosa.mp4{/flowplayer}