VILAGARCIA> Os terreos do vello edificio da comandancia marítima xa pertencen ao concello de Vilagarcía. Autoridade portuaria e goberno local firmaron este venres o acordo para pechar a compra. O concello encargarase agora de derrubar o edificio para cederlle os terreos á xunta para a construción do novo centro de saúde.
Os pasos estanse dando segundo o previsto para que Vilagarcía poida dispoñer dun novo centro de saúde. Os terreos onde se sitúa a vella comandancia da mariña son o lugar escollido para construír o novo ambulatorio. Uns terreos que xa son propiedade do concello grazas á compra asinada esta mañá a autoridade portuaria.
A compra tivo un custo de máis dun millón de euros. Dende o Porto destacan o traballo conxunto entre a autoridade portuaria, a Xunta e o concello para poder chegar a un acordo o máis rápido posible.
O concello xa adxudicou a demolición do edificio. A previsión é que os traballos comecen a finais de xaneiro cun prazo de execución de dous meses. Posteriormente, a parcela será cedida á Xunta para a construción do novo centro de saúde. A consellería xa comezou coa redacción do proxecto.
A boa sintonía entre Porto e Concello non remata só aquí. Ambas administracións xa traballan para acadar máis acordos como a cesión do porto do Ramal para poder abrilo á cidadanía.