Un semáforo desata unha nova polémica entre Ravella e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía

VILAGARCÍA>  Desencontro entre a Autoridade Portuaria de Vilagarcía e o Concello pola intención do goberno local de instalar un semáforo no paso de peóns que une o parque de Miguel Hernández coa praia da Concha, nunha vía de titularidade portuaria. Dende o porto din que o executivo de Alberto Varela non presentou ningún escrito solicitando esa actuación. Falan de ‘ataque’ á Autoridade Portuaria e acusan ó rexedor de pretender responsabiliza-los dos problemas de tráfico na cidade.

Bastou un semáforo para desatar unha nova treboada entre a Autoridade Portuaria de Vilagarcía e o goberno local da cidade. A intención de Ravella era regula-lo tránsito de peóns entre o parque de Miguel Hernández e a praia da Concha. Esa é unha vía de dominio público portuario. Dende o porto o que critican agora é que o Concello pida unha resposta a un escrito no que se detalla esa demanda, un documento que, segundo a presidenta do porto, non existe. Din que é unha mostra máis da falta de respecto coa institución.

Segundo a presidenta da Autoridade Portuaria, o concello ten no seu poder ata cinco escritos procedentes do porto ós que aínda non lle deu resposta. Para Sagrario Franco esa é unha mostra máis da falta de respecto institucional que, segundo di, o executivo de Alberto Varela profesa contra a institución que ela dirixe. Di ademais que é contraditorio que agora sexa o concello o que pide unha resposta a unha petición que ninguén formulou.

Ademais, a presidenta do porto vilagarcián di lamentar que o goberno local da cidade pretenda responsabilizalos a eles dos problemas de tráfico que sofre a cidade. Sagrario Franco asegura respecta-lo modelo peonil no que traballa o executivo local, pero pide que non se empregue á Autoridade Portuaria como chivo expiatorio ante as repercusións negativas, segundo di, que os últimos cambios en materia de tráfico trouxeron para os vilagarciáns.

E engade que con este último ataque dende Ravella, semella que o alcalde quere crear unha cortina de fume para tapa-las súas decisións respecto ó tráfico na cidade. Unhas medidas lexítimas, di Franco, aínda que tomadas, engade, sen reunirse nin consensuar con outras administracións titulares de viais, como é o caso da Autoriade Portuaria.