Os intercambios en espazos públicos potenciarán a lectura en Cambados

CAMBADOS> Os libros poderán ter unha segunda vida en Cambados. O concello pon en marcha unha iniciativa de intercambio en espazos públicos. Por medio de caixas instaladas en zonas verdes do municipio, a intención é que os veciños collan e depositen os exemplares que lles interesen.

Que os libros xamais deberían ser un estorbo é algo que teñen claro dende o concello de Cambados. Por iso veñen de deseñar unha iniciativa para garantirlles unha segunda vida.

E é que cada vez eran máis os avisos dos veciños que ofrecían doazóns de libros en papel. Exemplares que en moitas ocasións non tiñan interese para unha biblioteca ou un arquivo. Pero que si poden telo para outros lectores.

Os intercambios faranse a través destas Caixas Libro que se instalarán en zonas axardinadas. En principio estarán no Parque Torrado, no xardín da Biblioteca Luis Rei e na Praza de San Roque.

O concello non desbota instalar máis Caixas Libro noutros puntos de Cambados.