A exportación, aposta segura para os viños

    RIBADUMIA> Hoxe remataba o prazo para que as adegas galegas solicitaran ante a Xunta unirse á liña de subvencións para promover o viño en exportación. A que aínda se mantén aberta son a achegas para comercialización e elaboración de produtos vitícolas, que remata o próximo xoves. Esta mañá o xefe territorial de Medio Rural de Pontevedra visitaba unha empresa de Rías Baixas que se acolleu a ámbolos dous plans no 2015.

     

    A adega Bouza do Rei, en Ribadumia, atópase en pleno proceso de elaboración dos viños da colleita 2015. Un proceso produtivo no que este ano contan con maquinaria en parte renovada, grazas á liña de subvencións aberta pola Xunta para a comercialización e elaboración de produtos vinícolas.

     

    Esta mañá o xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, xunto ó alcalde da localidade e responsables da empresa, pasaba revista ós instrumentos adquiridos con cargo a estes fondos, e salientaba o impacto destas achegas na economía do sector, e por ende, na galega.

     

    A exportación amósase como unha vía de saída comercial moi atractiva para as adegas da DO, e mostra disto é que Bouza do Rei recunca esta última convocatoria e volveu solicitar ese apoio financeiro para seguir abrindo rutas no estranxeiro ás que enviar viño.

    Fundada no 1984, Bouza do Rei conta na actualidade con seis socios. A pasada vendima recolleron preto dun millón trescentos mil quilos de uva cultivados polos 250 viticultores cos que colaboran.