Peche anticipado do libre marisqueo

    SALNÉS> Dende hoxe está pechado o libre marisqueo na ría de Arousa. Un fin que volve ser anticipado e que remata unha campaña que, un ano máis, foi moi mala para o sector. Os mariscadores critican a actitude da Consellería do Mar, á que acusan de non querer buscar solucións para sacar adiante a súa propia axenda: implantar a lei de acuicultura.

    Os apeiros do libre marisqueo xa descansan ata o mes de outubro. Hoxe o sector pechou a campaña deste ano cun balance nada optimista.

    Nun ano normal, a campaña prolongaríase dende outubro a marzo. Que se repita o peche anticipado da unha idea da situación que atravesan os bancos marisqueiros da ría de Arousa.

    O enfado do sector aumenta porque esta non é a primeira campaña que sae mal. Xa o ano pasado o libre marisqueo despediuse antes de tempo, tamén en xaneiro. E a de 2014 estivo marcada polas pésimas capturas. 

    Segundo Villanueva, a atención da Consellería céntrase en sacar adiante a Lei de Acuicultura, un proxecto que ten a todo o sector en contra. Desconfían das intencións da Xunta, por iso miran con receo as axudas prometidas para os que se ven na obriga de parar a actividade.

    As condicións desta compensación non convencen tampouco ao sector, que ve os 1,8 millóns de euros consignados pola Xunta insuficientes para cubrir as necesidades de toda a flota.