Ribadumia di NON á represa no Umia

    RIBADUMIA> Preocupación no Concello de Ribadumia ante a intención de Augas de Galicia de realizar unha represa no río Umia. Tanto a corporación como grupos ecoloxistas, de pescadores e piragüístas, principais colectivos afectados, temen que a obra sexa prexudicial para a flora e fauna da zona.

     

    Hai dúas semanas o Servizo Territorial de Augas de Galicia solicitou ao Concello de Ribadumia un informe para dar o visto bo á construción dunha represa na canle do río Umia, á altura do Atranco en Cabanelas. Hoxe o concello respondíalles con dito informe que a obra non se pode realizar.

    O informe, desfavorable, conclúe que as obras supoñen unha alteración significativa do curso do río, que non estuda a repercusión augas arriba das zonas inundables e que imposibilita a práctica do piragüismo, afectando gravemente ao medio ambiente.

    Ante a ausencia dun Plan Especial para actuar nesa zona, a obra non cumpre o vixente PXOM da localidade e polo tanto é denegada polo Concello, quen promete mirar polos intereses tanto dos colectivos máis implicados como son grupos ecoloxistas, pescadores e piragüistas, como en xeral de todos os veciños.

    Máis de cincocentos xa firmaron unha petición da plataforma change.org para a eliminación da obra e o BNG presentou no Parlamento Galego dúas Proposicións Non de Lei ca mesma intención.

    A obra, que realizaría a Xestora Inmobiliaria La Toja, ten segundo o publicado no boletín oficial da provincia, o obxectivo de evitar a salinización da captación de auga para abastecemento da Illa que se recolle neste punto do Umia; mais a comunidade de propietarios negaba aos medios de comunicación que a obra fose de tal envergadura e que foi a propia Xunta a que lla solicitou se querían renovar a concesión do sistema de abastecemento.

    Agora toca esperar a reacción de Augas de Galicia ante a negativa do Concello para realizar dita actuación no río.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/11/ribadumia_presa_cabanelas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/11/ribadumia_presa_cabanelas.mp4{/flowplayer}