Agresión ao asasino confeso de Lupe

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/17/xuizo_lupe_jimenez2.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/17/xuizo_lupe_jimenez2.mp4{/flowplayer}

 

PONTEVEDRA> A tensión vivida durante o xuízo pola morte de Lupe Jiménez, supostamente a mans do seu marido, rematou esta mañá cun intento de agresión. No medio da segunda sesión, os familiares presentes na sala abalanzáronse ata chegar a José Luis Cortiñas. A sala tivo que ser desaloxada pola Garda Civil e a Policía Nacional. Despois deste altercado, o xuízo suspendeuse e reanudouse a porta pechada.

Ao redor da unha do mediodía estalou a tensión na sala onde se estaba a celebrar o xuízo pola morte de Lupe Jiménez, ante a mirada de seis Policías Nacionais e trinta familiares da vítima. No medio da sesión, tres persoas abalanzáronse sobre o acusado ao grito de “Suso”, entre elas unha das irmás da vítima. O resto dos familiares fixeron o mesmo, alcanzando a José Luis Cortiñas, autor confeso do crime.

Policía Nacional e Garda Civil tiveron que intervir para desaloxar a sala e identificaron a varios dos agresores e detiveron á irma da falecida. 

Cortiñas tivo que recibir atención médica polo impacto dunha botella na cabeza. Despois, o xuízo reanudouse a porta pechada.

A sesión desta mañá arrancou coas declaracións doutra das irmás de Lupe e dun dos cuñados, que aseguraron que a falecida marchara obrigada para Lugo co seu marido, e falaron dun episodio anterior de supostos malostratos.

Hoxe tamén se coñeceu o contido da autopsia. Os forenses describiron as feridas da falecida, que presentaba tres no pescozo, doce no peito e unha no pulso dereito, ademais de numerosos golpes na cabeza e na cara. Segundo explicaron, dúas puñaladas fixeron cortes no corazón que lle provocaron a morte. Aínda que desconfían que a arma empregada fora a navalla de 3 centímetros descrita polo autor confeso do crime, a natureza das feridas non lles permitiu descartala por completo.

Tamén prestou declaración o Garda Civil que recollera a primeira denuncia presentada pola irmá da desaparecida. Asegurou que a muller lle contara que a actitude de Cortiñas respondía aos celos, xa que supostamente pensaba que Lupe estaba a ter unha relación cun irmán seu.

O xuízo continuará mañá, tamén a porta pechada.