Tímido arranque da campaña da xarda para artes varias

    RIBEIRA> Pouca xarda na apertura da pesqueiría para as artes menores. As embarcacións desprazadas no Cantábrico confían en que as capturas aumenten de cara as próximas semanas. Polo momento, as cotizacións son altas co quilo de peixe por riba do euro. Recén iniciada a campaña da xarda para as artes menores, son poucas as embarcacións da comarca que se desprazaron ata o Cantábrico para dedicarse a esta pesqueira. Polo momento, aínda non se observa moita abundancia de peixe aínda que se prevé que nas próximas semana vaia aparecendo máis recurso no caladoiro. O prezo, de momento acompaña, co quilo por riba do euro debido precisamente á escaseza de capturas. Cando comece a baixar a cotización, a federación de confrarías ten previsto pactar cos compradores un prezo mínimo, igual que a pasada campaña, co fin de facer rendible esta especie. Aínda que a campaña da xarda non era especialmente significativa para as artes varias, nos útlimos anos converteuse nunha especie clave para esta flota. As embarcacions que non se desprazan ata o Cantábrico atopan unha boa saída a través das capturas accidentais para as que se reserva un quince por cento do total da cota. En función de como avancen as capturas, a migracion do peixe cara sur e o consumo da cota, decidirase a duración da campaña que cada vez ten maior importancia para as artes menores.