Presentada a cuarta edición do Torneo EBO en Rianxo

RIANXO> O campionato de futbol base está organizado polo Club Deportivo Unión e desenvolverase a fin de semana do 28 e 29 de maio. Uns sesenta clubs de categorías prebenxamín, benxamín e alevín, entre os que se atopan Villarreal, Rayo Vallecano, Celta de Vigo, Deportivo da Coruña ou Oporto, entre outros, participaran na cuarta edición do Torneo EBO de Fútbol Base-Memorial Abel que organiza o Club Deportivo Unión. A cita terá lugar a fin de semana do 28 e 29 de maio nas instalacións do campo municipal de Vilas. Ano tras ano o torneo está a adquirir un maior protagonismo, tanto polo nivel organizativo coma polos clubs participantes. Ademais das empresas colaboradoras, o Club Deportivo Unión conta tamén coa axuda de distintas Administracións como é o caso do propio concello ou a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, que vén neste tipo de iniciativas a mellor fórmula de apostar polo deporte base. O torneo estará apadriñado este ano polo xogador ribeirense, Adrián Armental, que milita actualmente nas filas do Coruxo na 2ª B. Dende a organización do torneo quixeron agradecer o esforzo e a axuda realizada polos distintos patrocinadores, xa que sen a súa aportación económica e loxística sería practicamente imposible poder organizar unha cita de tales características.