O borrador da ordenanza de terrazas non convence a todos

    VILAGARCÍA> O borrador da nova ordenanza de terrazas que presentaba o goberno de Ravella no día de onte xa tivo as primeiras reaccións. Mentres os hostaleiros manteñen unha postura neutra apostando por definir determinados puntos nos que non están tan de acordo, o partido popular asegura que esta é unha ordenanza moito máis restritiva que a anterior e na que a hostalería sae perdendo. 

     

    Para o goberno local é a mellor maneira de asegurar a conciliación entre empresarios, viandantes e veciños, pero non todos parecen estar de acordo. O borrador da ordenanza de terrazas que redactaba o equipo de goberno establece diferenzas segundo o tipo de vía na que se inscriban os establecementos, tamén o cambio da unidade de medida para colocar as terrazas (que pasa de ser o velador a ser o metro cadrado) ou a creación dunhas placas metálicas que se instalarán nas rúas para delimitar os espazos e que facilitarán a supervisión da que estas medidas se cumpran.

    Pero outras das súas medidas parecen máis polémicas como a instalación de mamparas, a delimitación do espazo da terraza a fachada do local ou o recollemento da mesma en horario nocturno. 

    Os hostaleiros son cautos polo momento e a pesar de estar a favor dun regulamento xeral das terrazas esperan a definición de determinados puntos que poden afectarlles de maneira negativa.

    Dende Ravella cren que a proposta eleva a calidade de vida de tódalas partes e que repercutirá positivamente na mellora da imaxe dos negocios. Polo momento o proxecto está na fase de borrador e aínda é susceptible de recoller as propostas e suxestións dos grupos da oposición e do sector.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/22/ordenanza_terrazas_villa_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/22/ordenanza_terrazas_villa.mp4{/flowplayer}