RIBEIRA> A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitaba esta mañá en Ribeira unha das unidades móbiles do programa de ‘Coidados porta a porta’ que se atopa dende o pasado xoves e ata mañá martes na localidade.
Na compaña do alcalde, Manuel Ruíz, destacou a importancia deste programa de atención sociosanitaria gratuíta para persoas maiores nas áreas de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria da que se beneficiaron en toda Galicia unhas 35 mil persoas ó longo do último ano.
A titular de Política Social aproveitou a visita para destacar o fortalecemento dos servizos sociais en toda a Comunidade e por extensión tamén na Barbanza, es especial o do Servizo de Axuda no Fogar
Tamén aludiu á construción e renovación de infraestruturas, como é o caso da futura residencia pública do Barbanza, que se emprazará en Ribeira e estará adaptada ó novo modelo de coidados.
En canto ós servizos de atención á infancia e de apoio ás familias fixo alusión tamén á creación do Punto de Encontro Familiar en Ribeira, así como á implantación da gratuidade en tódalas escolas infantís.











