O PP abandona o pleno de Pontevedra ante o control “ditatorial” de Silva

PONTEVEDRA> O Partido Popular abandona o pleno da Deputación de Pontevedra ante o que consideran un acto ditatorial da presidenta. Sucedía esta mañá no pazo provincial cando Carmela Silva retirou a palabra da voceira popular, Nidia Arévalo. Os populares deixaron 4 das 5 mocións que presentaban no pleno sen defender e adiantaron que tomarán medidas ante o ocorrido.

 

O grupo provincial do Partido Popular abandonaba esta mañá o Pleno da Deputación de Pontevedra para expresar o seu desacordo co que, segundo din, é un sistema “ditatorial” de control da sesión.

Todo acontecía cando na primeira das mocións que pretendían defender os populares no pleno o seu deputado de Lalín, Xosé Crespo, esixía unha nova quenda de palabra por alusións cando o debate xa esta finalizado.

Ante a negativa da presidenta, o popular abandonaba a bancada para sentar entre o público antes da votación. Tras este feito e na seguinte moción que defendía a voceira do PP, Nidia Arévalo, esta tratou de reprochar a actitude da presidenta e tras varias advertencias da presidenta de que ceñira o discurso á súa proposta, rematou por retirarlle a palabra tamén a ela.

Nese momento todos os deputados do Partido Popular abandonaron a sesión. Xa posteriormente, nos corredores do Pazo Provincial, e ante os xornalistas, os populares afirmaron que non era algo premeditado.

Carmela Silva valorou o abandono do PP como triste e acusou aos populares de converter o pleno nun circo.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/29/pleno_depo_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/29/pleno_depo.mp4{/flowplayer}