A Operación Bodeguilla incauta media tonelada de cocaína

    VILAGARCÍA> Xa temos máis información da Operación Bodeguilla, a investigación da Garda Civil e da Policía Nacional que a semana pasada levou ao cárcere ao adegueiro vilanovés Luicano Núñez, máis coñecido como Chano. As pesquisas relacionárono con media tonelada de cocaína localizada en Alxeciras. A droga procedía de Colombia, e ía ser distribuída por Europa.

     

    Unha investigación dirixida polo Xulgado de Vilagarcía e realizada pola Garda Civil de Pontevedra e polo Greco Galicia da Policía Nacional, abortou a semana pasada a entrada en Europa de case media tonelada de cocaína.

    As pesquisas apuntaron á existencia dun colector procedente de Colombia con destino o Porto de Alxeciras que podía transportar droga para ser distribuída por Europa. Estableceuse un dispositivo de seguemento sobre a ruta que seguiría o buque que transportaba a droga; un operativo que rematou coa detención dos integrantes da rede e a intervención dos case 500 quilos de droga.

    Segundo os investigadores, a rede contaba con ramificacións noutros países para introducir grandes cantidades de droga por Europa a través de colectores que chegaban a Alxeciras.

    No marco da operación, bautizada como Bodeguilla-Tamara, detivéronse nove persoas, entre elas o adegueiro vilanovés Luciano Núñez, máis coñecido como Chano, que xa fora condenado por narcotráfico no marco da Operación Nécora. Tras prestar declaración ante a xuíza de Vilagarcía, Núñez ingresou en prisión a semana pasada. A todos os detidos se lles imputa un presunto delito contra a saúde pública.

    Ademais, realizáronse 15 rexistros en distintas provincias españolas, que remataron coa intervención de nove vehículos de alta gama, diversas armas, 55 mil euros en efectivo, soportes informáticos e moita documentación relacionada cos feitos.

    A Garda Civil aínda non da por pechada a operación, polo que non se descartan novas detencións.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/06xunho/07/operacion_bodeguilla.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/06xunho/07/operacion_bodeguilla.mp4{/flowplayer}