Carmela Silva, ‘satisfeita’ coas obras que a Deputación financiou no Campo da Feira do Mosteiro

MEIS> Visita, como acabamos de ver, de Carmela Silva a Meis para comproba-lo resultado final das obras que se fixeron nos últimos meses no Campo da Feira do Mosteiro, con fondos provinciais. Tanto a presidenta provincial como a alcaldesa da localidade dinse satisfeitas cos traballos, pero consideran que aínda quedaron actuacións pendentes nesa zona.

As obras acometidas no Campo da Feira o Mosteiro gustan á Deputación e ó Concello, pero considéranas insuficientes. Tanto a alcaldesa da localidade como a presidenta provincial consideran que a reforma debería ter incluído unha actuación neste acceso.  Trátase dunha vía provincial na que, ademais, se crean bolsas de auga cando as precipitacións son intensas.

Á rexedora tampouco lle gusta que tódolos novos sinais instalados nesta contorna estean só en castelán. Reivindica o uso do galego e anuncia que serán substituídos para que a nosa lingua tamén estea presente.

A actuación nesta praza de España supuxo un incremento da seguridade viaria, dándolle prioridade ós peóns. Tamén se mellorou a contorna da Casa da Cultura e se actuou nos xardíns. No anterior mandato, segundo datos da Deputación, investíronse en Meis máis de 3 millóns e medio de euros, o investimento máis “potente” no Concello, di Silva, da historia da administración provincial.

Silva promete moitas visitas a Meis nos vindeiros catro anos, non porque a alcaldesa sexa socialistas senón porque agora, di a presidenta, si a convidan á localidade. Lamenta que o anterior rexedor popular nin tan sequera a convidase cando deron comezo estes traballos do Campo da Feira, financiados con fondos do Plan de Reequilibrio da Deputación.