BOIRO> Usuarias do CIM de Boiro acusan a unha profesional do servizo de trato denigrante. Van máis alá e responsabilizan tamén a concelleira de igualdade e o alcalde de desatender a estas mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
A falla de persoal do CIM de Boiro e tan só unha anécdota fronte as graves acusacións que realizan un grupo de mulleres usuarias. A orixe do problema reside na incorporación dunha nova profesional.
Ata o 31 de decembro, o grupo de autocoidado constituído no mes de outubro viña traballando da man da técnica de igualdade que rematou o contrato a final de ano. Malia que dende o concello tranquilizaron as usuarias informando de que nova traballadora do CIM se faría cargo do grupo, a realidade, din, foi outra. Así o contaban diante dos nosos micros pero sen querer saír en imaxe por medo a posibles represalias.
Ante esta situación, pediron unha reunión co alcalde e puxéronse en contacto coa secretaría xeral de igualdade. A propia Susana López Abella desprazouse ata Boiro para manter un encontro con estas mulleres no que, sen previo aviso, apareceron tamén os representantes municipais nunha actitude que cualifican mesmo de agresiva.
Ademais do trato denigrante e a desatención, denuncian as constantes trabas burocráticas que lles están a poñer para realizar calquera xestión. Como exemplo, a desaparición durante máis de dúas semanas do selo do CIM, indispensable para cursar as acreditacións que dan dereito ás vítima ás axudas e asistencia de todo tipo.
Esixen un trato digno posto que son mulleres en situación de especial vulnerabilidade, moitas delas vítimas de violencia de xénero ou de abusos sexuais durante a infancia . Esta situación non fai máis que agravar os problemas emocionais que sofren polo que piden unha o cese inmediato desta profesional e que se garanta a asistencia axeitada a cada unha das usuarias do CIM.