O BNG pide medidas para recuperar os ameneiros da Pobra

    POBRA> Boa parte dos ameneiros na Pobra están enfermos. Un fungo parace ser a causa da enfermidade. Dende o BNG piden unha actuación urxente debido á importancia medioambiental desta especie nas canles fluviais. A zona húmida próxima á piscina municipal e ó colexio Salusitiano Rey Eiras é unha das máis afectadas. Alí boa parte, por non dicir a totalidade dos amieiros están xa mortos. Ó parecer un fungo é o que está a provocar a morte desta especie moi abundante nos nosos bosques de ribeira. Dende o BNG temen que a patoloxía se propague a outras zonas do concello poñendo en serio risco outras canles fluviais como é o caso dos río Morto, o Manlle ou o Trilleiro. A formación frentista levará ó pleno deste xoves unha moción solicitando ás distintas Administracións con competencias nesta materia que poñan freo a esta situación que afecta a estes bosques de ribeira.