O concello de Ribeira non terá que compensar a Viaqua polo aumento das instalacións

    RIBEIRA> O executivo ribeirense vén de mostrar a súa satisfacción pola sentenza do contencioso administrativo que lle dá a razón na demanda presentada pola empresa Viaqua en relación á traída de auga do Ulla. A firma, que xestiona o servizo de auga e saneamento no municipio, reclamaba tamén uns novecentos mil euros en concepto de aumento das instalacións. Aínda que cabe recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por esta decisión, o executivo local mostrou a súa satisfacción polo fallo do Xulgado do Contencioso-Administrativo Nº1 de Santiago. A empresa Viaqua, que xestiona o servizo de auga e saneamento no municipio, perseguía impugnar dous acordos da Xunta de Goberno dos anos 2009 e 2012 que establecían nun total de 561 mil euros a contía a compensar como consecuencia da compra por parte do Concello da auga procedente do río Ulla e o conseguinte aforre de custes para a empresa concesionaria. A dita demanda pretendía tamén unha retribución de máis de novecentos mil euros en concepto de aumento das instalacións, aspecto este que tamén foi desestimado polo Tribunal. A sentenza vén a dar a razón ó executivo ribeirense que non terá que facer fronte, en principio, á retribución solicitada por Viaqua, o que suporá un gran alivio para as arcas municipais.