As obras da ludoteca do Son estarán rematadas a principios do próximo ano

    PORTO DO SON> O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, visitou as obras da ludoteca do concello e de acondicionamento dos accesos e o entorno da Galiña Azul. Unhas obras que se prevé estean rematadas ao comezo do próximo ano e que contaron cun investimento de 198.000 euros. As obras da nova ludoteca de Porto do Son comezaron hai dúas semanas, e contan cun tempo estimado de 4 meses de duración. A execución permitirá aos nenos do concello, de entre 4 e 12 anos, contar cun espazo que complementa a escola infatil, de 0 a 3, que xa funciona xusto na parte darriba do edificio. A Ludoteca busca axudar á conciliación das familias do municipio sonense, pero tamén, as obras inclúen a remodelación do entorno da Escola Infantil. Esta parte que xa está rematada, permite gozar tanto a maiores coma pequenos dun espazo de lecer e esparcemento. Esta nova obra, situada ao lado do concello, no Campo da Atalaia, é un novo paso para a recuperación desta zona, a antiga alameda de Porto do Son.