Rueda visita as obras de mellora do vial que une Ribeira e Porto do Son

    RIBEIRA> O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, supervisou esta mañá, acompañados dos alcaldes de Ribeira e Porto do Son, as obras levadas a cabo entre estes dous municipios para a mellora do vial entre Novás e Oleiros, que une as dúas localidades barbanzás.

     

     

    Ao abeiro da Orde de Infraestruturas da Vicepresidencia, a obra en cuestión consiste na pavimentación do camiño que  conecta o sur do concello de Porto do Son, Campos de Patas, e Gándara, na parroquia ribeirense de Oleiros. Ambos concellos solicitaran unha subvención conxunta á Xunta que lles foi concedida para esta actuación, que permitirá ampliar de 5 a 6 metros o ancho do vial, que se atopa nestes momentos moi deteriorado.  O vicepresidente en funcións suliñou a relevancia de que os concellos colaboren conxuntamente á hora de sacar adiante proxectos que precisen de subvencións públicas. Os alcaldes de Ribeira e de Porto do Son agradeceron á consellería de Vicepresidencia a aportación do 80 por cento do investimento das obras nesta estrada, que terá uns 800 metros de largo por un ancho de 6 metros. Anunciaron tamén outros proxectos que pretenden levar a cabo próximamente, en colaboración, os dous concellos. Está previsto que estas obras de mellora, no vial que une Ribeira e Porto do Son rematen nos próximos 15 días.