A que se debería dedicar a casa de Castelao de Rianxo?

    RIANXO> O alcalde de Rianxo apela ó diálogo entre as partes no conflito existente sobre o uso da casa  natal de Castelao na localidade. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de darlle a razón ós herdeiros do escritor ó impedir que a casa pase a ter un uso dotacional. Adolfo Muíños considera que agora a pelota está no tellado da Xunta. 

     

    A falta de entendemento para que a Casa de Castelao en Riaxo chegue a ser un edificio público continúa sen solventarse. A vía xudicial, que foi iniciada polo anterior goberno local, queda agora estancada, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dera a razón ó herdeiros de Castelao, a familia Baltar, actual propietaria do edificio. O DOGA notificou a sentenza en firme na que se impide que o solo sobre o que se asenta a casa do ilustre rianxeiro pase a ter un uso dotacional e se poida expropiar. Para o alcalde actual, os tribunais non deberían ser a solución a esta problemática, senón o diálogo, e entende que debe ser a Xunta a que debe asumir este papel negociador. Para Muíños, a casa do autor de Sempre en Galiza, que xa está considerada como Ben de Interese Cultural, debería converterse nun espazo público e referente dunha das figuras máis relevantes do cultura galega. Así as cousas parece que aínda hai un longo camiño para que a musealización da casa onde naceu o máis célebre rianxeiro se faga  realidade.