O BNG levará ó Parlamento os problemas de vertidos de augas residuais de Sanfinx

    LOUSAME> Os nacionalistas fanse eco da existencia dunha balsa, ó parecer con lodos tóxicos, procedentes da actividade que desenvolve a empresa que explota actualmente as minas, coma un claro atentado ecolóxico e medioambiental. Lousame volve estar de actualidade de novo por un posible caso de ameaza medioambiental. Neste caso debido á existencia dunha balsa de augas residuais cargadas de metais pesados altamente contaminantes, ó redor dun millón de metros cúbicos, procedentes da explotación das minas de Sanfinx. As denuncias realizadas tanto polos veciños de Lousame afectados, como tamén polo colectivo ecoloxista Adega, que tamén se fixo eco do problema, serán levadas esta semana ó Parlamento a través dunha pregunta que o deputado do BNG Xosé Luís Rivaslle trasladará á conselleira de Medio Ambiente. O nacionalista quere saber se a Xunta ten coñecemento desta situación e dos posibles riscos que se poderían derivar no caso de que estas augas altamente contaminadas vaian parar ós acuíferos existentes nas proximidades. Esta semana o Parlamento Galego tamén debaterá unha moción presentada polos nacionalistas, polo trámite de urxencia, relativa ó macrovertedoiro que pretende instalarse nas proximidades do monte Culou.