Un falecido tras saírse o seu vehículo da vía en A Armenteira

MEIS> Un falecido nun accidente na estrada da Armenteira, en Meis. O vehículo foi localizado esta mañá nun terraplén cun veciño da zona de 36 anos morto no interior. Os servizos de emerxencias non puideron determinar a que hora se produciu o sinistro.

Accidente con final tráxico na Armenteira. Este mediodía, un conductor daba a voz de alarma, tras localizar o vehículo accidentado nunha cuneta da estrada. O home deu aviso aos servizos de emerxencias, que desprazaron un completo dispositivo, incluíndo os bombeiros de Vilagarcía e Ribadumia e o helicóptero do 061.

Os efectivos só puideron certificar a morte do condutor do coche accidentado, un veciño da Armenteira de 36 anos. Por causas que se descoñecen, o home perdeu o control do Peugeot 306 que conducía, saíuse da estrada e precipitouse por un desnivel. O vehículo estaba nunha zona de difícil acceso, polo que foi necesaria a intervención dos bombeiros para retirar o corpo do home e o coche.

Os servizos de emerxencias tampouco puideron precisar o momento do accidente, e aínda se descoñece se se produciu durante a noite ou esta mañá.