O concello de Rianxo asina un convenio coa Escola de Música

    RIANXO> O acordo permitirá á Escola poder facer uso das instalacións municipais. Trátase da formalización dun feito que xa se viña producindo dende a súa constitución, hai uns quince anos. O alcalde, Adolfo Muíños, e o presidente da Escola de Música, Eduardo García Mosconi, procedían esta mañá a sinatura do acordo entre ambas entidades para o uso compartido de varios locais municipais, fundamentalmente para impartición das clases e os ensaios. Trátase de algo que xa se viña producindo dende a propia constitución da Escola hai uns quince anos, pero que agora se formaliza de xeito oficial. O alcalde aproveitou o acto para felicitar á Banda da Escola que dirixe Rafael Collazo, que esta pasada fin de semana, acadaba o primeiro premio na sección segunda, para bandas de 51 a 70 compoñentes, no X Certame Galego de Bandas de Música celebrado en Santiago. O rexedor rianxeiro anunciou tamén a próxima adquisición para o auditorio municipal dun piano de media-cola valorado nuns 20 mil euros e que será sufragado con fondos propios. A compra deste instrumento dará reposta ás demandas da propia Escola de Música e tamén de moitos artistas e grupos que habitualmente actúan na localidade.