O PSOE de Valga cualifica de “moi grave” a situación que se está a vivir no concello

VALGA> A portavoz do grupo socialista en Valga mostrouse este venres satisfeita ante a citación para declarar de 7 membros do actual goberno da vila, entre os que se atopa o alcalde, por un presunto cobro irregular de dietas. Segundo María Ferreirós, dende o PSOE de Valga levaban meses demandando información, referente as comisións, que a seu xuízo eran irregulares, e das que nunca obtiveron ningún tipo de documentación. 

 

O Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis citaba onte a declarar ao alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, a seis edís actuais e dous ex edís do Partido Popular municipal, polo presunto cobro irregular de dietas. Unha situación que se da despois de que o grupo do PSOE na vila denunciara os feitos o pasado verán. 

Os socialistas de Valga entendían que eran reunións do partido, xa que só asistían a elas os concelleiros do PP e nos mesmos non se levantaba acta dos que estaban presentes, nin dos temas que se trataban, entre outros aspectos. 

Dende que comezou a lexislatura os integrantes do grupo socialista insistiron na petición de información para aclarar a finalidade sobre estas reunións, sen obter resposta. 

Unhas reunións que segundo María Ferreirós se veñen celebrando dende o ano 1992, e polas que cada concelleiro cobraría unha contía de entre 50 e 60 euros por reunión. Unha situación que dende as filas socialistas tildan de “moi grave”.

Dende esta casa intentamos poñernos en contacto co alcalde José María Bello Maneiro, para coñecer a súa versión dos feitos, pero rexeitou facer ningún tipo de declaración máis aló do comunicado de prensa que publicará na páxina do concello nas vindeiras horas.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/01xaneiro/20/denuncia_psoe_valga_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/01xaneiro/20/denuncia_psoe_valga.mp4{/flowplayer}