A xuíza retíralle a patria potestade dos seus fillos ao autor confeso do triplo crime de Valga

VALGA> A xuíza que dirixe o caso tamén retirou ao asasino confeso a patria potestade dos seus dous fillos. Os menores de 4 e 7 anos é agora o que máis preocupa no concello de Valga. Un grupo de espertos tomou testemuña aos pequenos con tódalas garantías para que non teña que declarar no xuízo oral.

A maxistrada titular do xulgado de instrución número 2 de Caldas retiroulle este mércores a patria potestade dos seus dous fillos ao asasino confeso do triplo asasinato machista de Valga. A xuíza comunicoulle persoalmente a decisión ao acusado despois de realizarlle unha serie de dilixencias. Ao xulgado tamén acudiron os menores de 4 e 7 anos, que en ningún momento se atoparon co seu pai. Fontes xudiciais confirmaron que un grupo de espertos tomou testemuña aos pequenos con tódalas garantías para evitar que teñan que  declarar no xuízo oral. Esta dilixencia se realizou velando pola súa seguridade e para protexer o seu testemuño, xa que nenos son as únicas testemuñas do acontecido. Estiveron presentes no lugar dos feitos ata que un veciño acudiu na súa axuda.

Este veciño sacou os nenos da propiedade e levounos xunto a súa sogra. Despois, leváronos para casa doutro veciño, Carlos, que se encargou de coidalos e entretelos.

A preocupación é máxima entre as diferentes administracións polo futuro dos pequenos. A Asociación Amigos de Galicia anunciou que acudirá como acusación popular na defensa dos menores involucrados no caso.

Os menores atópanse agora mesmo ao coidado dun tío avó de forma temporal pendentes de que se outorgue a custodia. Numeroso familiares xa comunicaron que se queren facer cargo deles.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí