O cerco reclama un incremento do tope da sardiña nos meses de verán

    BARBANZA> O acordo foi tomado durante a Comisión Sectorial do Cerco onde se analizou a situación das pesquerías para este ano, entre elas a da sardiña e a da anchoa, cuxas campañas comezan xa mañá, primeiro de marzo. A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, presidiu a reunión da Comisión Sectorial do Cerco do Consello Galego de Pesca que tiña coma principal finalidade avaliar a situación das pesquerías para este ano, entre elas a da sardiña e a anchoa, campañas que empezan xa este primeiro de marzo. En relación á sardiña, o sector e a administración analizaron a proposta de resolución do Ministerio de Agricultura e Pesca, para xestionar esta pesquería, chegando a un acordo para realizar unhas alegacións conxuntas e remitilas ó Ministerio de cara a unha mellora das posibilidades de pesca. Entre as propostas acordadas está a de revisar á alza as cotas de capturas semanais asignadas inicialmente a esta especie – de 3.000 quilos por barco e semana- e tamén os topes mensuais previstos para toda a flota antes do 31 de maio. Outro tema obxecto da xuntanza foi a campaña da anchoa no Cantábrico, que está próxima a iniciarse. Neste sentido, a Xunta e o sector analizaron a proposta de resolución da Secretaría General de Pesca do Ministerio e acordou solicitar tamén un incremento da reserva do TAC para o segundo período, de maneira que en lugar dun 10% quede un 15% de reserva. Tamén acordaron solicitar o establecemento dun incremento proporcional dos topes máximos de captura para este segundo período, xa que a que propón o Ministerio é menor con respecto ó primeiro período. Ademais, en aras tamén da defensa da sustentabilidade da anchoa, a Administración e o sector do cerco propoñen establecer uns topes inferiores cando a talla da anchoa sexa moi pequena.