Lidia Senra esíxelle á UE que protexa ós mariñeiros ós que Noruega lles denega a súa xubilación

    BARBANZA> A eurodeputada de AGE acompañou a unha delegación de representantes da asociación Long Hope que se desprazou a Bruxelas para manter un encontro co equipo da comisaria de Emprego e Asuntos Sociais, Marianne Thyssen. A xuntanza tiña como obxectivo chamar unha vez máis a atención das autoridades da Unión Europea sobre este problema que afecta a uns oito mil traballadores galegos, reivindicando que as institucións comunitarias lle esixan ó Estado español que defenda os dereitos sociais deste colectivo. Os traballadores afectados formaban parte da tripulación de buques mercantes noruegueses antes de que en 1994 o país nórdico entrase a formar parte do Espazo Económico Europeo, e non eran considerados traballadores emigrantes en Noruega porque segundo este país non residían nel, razón esgrimida para negarlles o dereito a prestacións derivadas das súas cotizacións a bordo da flota mercante norueguesa. A asociación Long Hope agarda agora a celebracións dun xuízo en Noruega os días 4 e 5 de abril, logo de que a propia xustiza norueguesa rexeitase hai menos de dúas semanas a petición da defensa do goberno de Oslo de suspender o xuízo. Suceda o que suceda con esta demanda, dende o colectivo amósanse firmes na idea de continuar ata onde sexa necesario para facer valer os dereitos destes mariñeiros afectados.