O acusado de asaltar unha vivenda vilanovesa asegura que nunca estara en Galicia

PONTEVEDRA> O acusado dun asalto con violencia a unha vivenda de Baión, en Vilanova de Arousa, sentou esta mañá na bancada da Audiencia Provincial de Pontevedra. O home defendeu en todo momento a súa inocencia, e negou incluso ter estado en Galicia con anterioridade. O 4 de febreiro do 2015 catro persoas asaltaban de xeito violento a vivenda dun empresario en Baión, Vilanova de Arousa. Segundo o relato das vítimas, foi pasadas as 9 e media da noite cando o grupo entrou na casa con pasamontañas, vestidos de negro e con luvas nas mans. Tamén ían armados con coitelos e pistolas. As tres vítimas, un matrimonio e a súa filla, non puideron ver a cara dos asaltantes. Pero o ADN e a pegada que apareceron nas bridas empregadas para atar de pés e mans aos vilanoveses, permitiron sentar hoxe na bancada a un sospeitoso do asalto. O fiscal ve estas probas como contundentes; tamén o feito de que tanto ese día como en xornadas previas, os veciños identificaran nos arredores da casa un vehículo que estaba ao seu nome. O home está acusado de dous delitos de detención ilegal e un de roubo con violencia. Actualmente está en prisión preventiva por esta causa, e a Fiscalía pídelle unha pena de 16 anos e oito meses de prisión. O acusado mantivo a súa inocencia durante toda a vista, e chegou a asegurar que nunca antes estivera en Galicia. A defensa, pola súa banda, pediu a absolución xa que considera que non existen probas contra el. De feito, asegurou que, ao levar luvas os asaltantes, non sería posible que as súas pegadas apareceran nas bridas. Os propietarios cifraron nuns 55.000 euros o valor dos obxectos roubados. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/03marzo/30/xuizo_asalto_vilanova_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/03marzo/30/xuizo_asalto_vilanova.mp4{/flowplayer}