O pequeno comercio da Pobra lánzase á conquista de internet

    POBRA> A primeira plataforma de venda online do pequeno comercio xa é unha realidade. Este domingo presentábase Dean Shop, unha ferramenta online que permite mercar en cinco establecementos. A iniciativa é posible grazas á asociación do pequeno comercio da Pobra. Xa está en marcha o marketplace Deán Shop. Sete meses de arduo traballo que culminaban coa presentación oficial este domingo. Tivo lugar na Terraza de Chicolino onde, ó tempo que se presentaban os produtos e servizos á venda, xa se podían realizar as compras en directo. Os desfiles e as exhibicións estiveron acompañados das indicacións técnicas, a cargo de expertos informáticos, sobre o procedemento para efectuar as compras. Os clientes desfrutarán dun desconto do dez por cento na primeira compra. Os envíos realizaranse nun máximo de corenta e oito horas en toda a península e Portugal. Deán Shop ofrece ademais outras moitas vantaxes para os vendedores como a posibilidade de realizar ventas sincronizadas de diversos comercios nun só pago ou a xeración dunha base de datos para a realización de accións promocionais adaptadas ós clientes. Polo momento, son cinco os establecementos comerciais que se adheriron a esta plataforma. Dende o centro comercial aberto O Deán agardan que outros moitos comerciantes locais sigan o seu exemplo ampliando a capacidade dos seus negocios a través da rede.