Un mes de actividades para conmemorar as Letras Galegas

    RIBEIRA> Ribeira celebrará o día das Letras Galegas con actividades durante todo o mes de maio. Concertos, exposicións, contacontos e un certame literario para escolares compoñen un amplo programa co que render homenaxe a Carlos Casares. Música e letras conxugan á perfección no maio cultural de Ribeira que ofrecerá ós seus veciños un amplo abano de actividades para conmemorar o día da lingua. O propio dezasete de maio terá lugar unha ruada amenizada por tres grupos de música tradicional. Os xogos populares sairán á rúa e os cativos poderán elaborar cadernos nun obradoiro literario. Xa pola tarde, Aguiño converterase no epicentro das letras con varias actividades para os nenos. Á marxe do propio día das letras, durante todo o mes desenvolveranse actividades. Dende os contacontos dos sábados na biblioteca, a mostra de teatro infantil do 22 ó 26 ata os concertos de corais e do conservatorio. A véspera do día grande terá lugar unha interesante conferencia sobre Carlos Casares a cargo do académico Henrique Monteagudo, amigo persoal do escritor homenaxeado. A programación cultural complétase cunha exposición de libros e carteis sobre as letras galegas na biblioteca municipal, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.