Os adegueiros de Rías Baixas, protagonistas da Festa do Viño de Barro

    BARRO> En Barro xa contan os días para o comezo da súa Festa do Viño. A cita arrincará o vindeiro 14 de xuño a que será a súa trixésimo oitava edición, cun programa que volverá mesturar música, deporte, cultura, teatro e viño. Neste caso, a festa xirará en torno ás primeiras adegas que se puxeron en marcha en Barro dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. Entre o 14 e o 18 de xuño o viño terá todo o protagonismo no concello de Barro, acompañado iso si por música, deporte, cultura ou teatro. O venres 16 arrincarán os pratos fortes da festa. O pistoletazo de saída chegará co pregón, a cargo este ano de Ángel Alfonso, profesor afincado no concello. Coa intervención do pregoeiro, abriranse tamén os stands do décimo segundo certame de viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Precisamente, este ano a festa terá como protagonista aos adegueiros que apostaron pola profesionalización do sector. Casaley, Moraima, Cabana das Bolboretas e a Adega Eirlar, actualmente inactiva, será as catro que teñan representación nas casetas do certame da Denominación de Orixe. Nesta edición da cita, a organización repite ademais o túnel do viño. O Torneo de Fútbol Festa do Viño e a inauguración da exposición “O Camiño, a arte e o viño no Camiño Portugués de Santiago” comezarán xa o día 14; mentres que os Xoves do Viño e a degustación de caldos das adegas do concello serán o día 15. O torneo de tenis, o certame de pintura rápida, a xuntanza de vespas e as verbenas diarias, completan unha programación ampla e para todos os públicos.