Noia acolle a entrega das Distincións ó Mérito Deportivo de Galicia 2017

    NOIA> No acto anunciou que o Goberno Galego creará de cara ó ano que vén unha comisión de control da violencia para dar cobertura así as denuncias que se produzan nas competicións deportivas locais e autonómicas. O Teatro Coliseo Noela de Noia acollía a última hora da tarde de onte o acto de entrega das Distincións ó Mérito Deportivo de Galicia 2017, un galardón creado para recoñecer o labor e a traxectoria de persoas ou entidades relacionadas co deporte. O acto estivo presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e contou entre outras autoridades tamén coa Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez. Entre os galardoados na edición deste ano figuran Alfonso González Alonso, Raimundo Fernández ou os irmáns Centeno, que participaron nos Xogos Olímpicos de Barcelona. Tamén homenaxeadas resultaron Margarita Dans e Nela Souto, ou Cristina Fernández Piñeiro, a primeira muller en arbitrar un partido da Liga Asobal; Lourdes Domínguez, que entrou no top 50 do tenis mundial cando ningunha galega o fixera antes; ou Fina Castiñeira, que xa xogaba ó baloncesto no Lugo da posguerra. Ademais de destacar o labor dos deportistas distinguidos, no acto o titular do Goberno Autonómico destacou o deporte como un dos maiores instrumentos de integración e cohesión social. Núñez Feijoo anunciou tamén a creación dunha comisión de control da violencia para dar cobertura así as denuncias que se produzan nas competicións deportivas locais e autonómicas.