PORTO DO SON> Portodos denuncia presuntas irregularidades nos procesos de selección de persoal convocados polo concello de Porto do Son. Consideran que o tribunal non está suficientemente cualificado para avaliar as capacidades dos aspirantes. Portodos, a formación encabezada por Asunción Torres, faise eco de presuntas anomalías denunciadas por varios participantes nas probas de selección de persoal no concello de Porto do Son. Refírense concretamente ó proceso para a contratación dun tractorista e catro auxiliares da policía local. Os aspirantes poñen en dúbida a legalidade do proceso debido á duplicidade de preguntas nos exames escritos e á composición do tribunal, con persoal que non consideran cualificado para avaliar a capacidade dos aspirantes. Denuncian tamén a falla de transparencia nas probas prácticas e os criterios de selección onde apenas ten peso a experiencia laboral. Ante estas queixas formuladas por algúns dos aspirantes, a voceira de Portodos insta ó alcalde a dar explicacións sobre a legalidade dos procesos de contratación. Neste sentido, Luís Oujo considera que entrar neste debate é unha falta de respecto ó persoal encargado de realizar o proceso e velar polo seu correcto cumprimento. Lembra que o tribunal está composto por funcionarios, tal e como obriga a lei, perfectamente capacitados para desenvolver este traballo e convida a Asunción Torres a denunciar se constata a existencia dalgunha anomalía.
Inicio Barbanza - Muros - Noia